queevigoeduca
about-us_section_01_1

Que éVigo Educa

“VIGO EDUCA” dá a oportunidade de incluír o coñecemento do lugar onde viven dende distintos ámbitos no currículo escolar, e complementar o proceso de ensino-aprendizaxe saíndo das aulas e experimentando coa contorna. No corazón de VIGO EDUCA temos colocado o amor polo que é noso: o patrimonio, a cultura, o medio ambiente e o tecido económico que sostén a vida dos habitantes de Vigo. Aspiramos a transmitir a paixón por esta cidade partindo do recoñecemento de todo aquilo que a dota da súa especificidade propia, do conxunto de elementos materiais e simbólicos que constitúen a súa singularidade.

A finalidade deste programa é utilizar a cidade de Vigo como ferramenta didáctica, un recurso pedagóxico transversal que a converte nun excepcional elemento educador. O alumnado participante descubrirá a cidade desde dentro, o que lles permitirá coñecela para entendela e chegar a formar parte dela. Só coñecendo os elementos que constitúen e dotan de identidade á cidade é posible que os seus cidadáns sexan quen de amala e coidala. Polo tanto o noso proxecto traballa nun lapso de tempo que vai máis alá da actualidade na que teñen lugar as visitas: pretendemos que estas sexan punto de partida para espertar a curiosidade e, ao tempo, invitación ao descubrimento do que é propio.

Asemade, coa participación nas visitas didácticas, o alumnado desenvolverá un sentimento de pertenza e implicación coa cidade onde vive a través do coñecemento, chegando a ser cidadáns conscientes do tecido produtivo e das industrias, dos espazos de cultura, da súa paisaxe física, do seu patrimonio e das grandes infraestruturas que estruturan a vida cotiá.

Esta páxina web é unha ferramenta dinámica e versátil que quere facilitar o labor ao profesorado ofrecendo información actualizada de visitas suxeridas a diferentes equipamentos da cidade de Vigo. Ademais dos datos técnicos que necesiten para a concertación da visita, iranse sumando contidos didácticos descargables que lle permitan traballar antes, durante e despois da saída na aula. Será ademais unha ferramenta activa plenamente accesible para os navegadores máis utilizados do mercado e integrada nas redes sociais, que visibilizará o programa e as distintas actividades que se desenvolvan nel.

Servizo Municipal de Educación

 

cloud_2