Roteiro – Área Arqueolóxica Mámoas de Candeán
A parroquia de Cadeán linda polo leste coa parroquia de Teis, coa de Lavadores polo suroeste, coa de Cabral polo sur, e cos concellos de Redondela e Mos polo norte e leste. As súas cotas máis altas acádaas nos montes da Madroa, ao redor dos 300m, e do Vixiador, a 420m sobre o nivel do mar, e cun forte dominio visual sobre a ría de Vigo e do val do Fragoso. Segundo os datos dos censos máis recentes conta 4602 veciños e veciñas.
O conxunto funerario de Candeán contaba ata hai poucos anos con 18 túmulos, pero cinco deles xa foron destruídos. Posúen características variadas en canto a dimensións e morfoloxía e distribúense xeograficamente ao longo da parroquia dende a Mámoa de Casa dos Mouros (a situada máis ao sur, preto dos campos de fútbol da Madroa) ata a Mámoa do Vixiador (dentro do parque forestal que lle dá nome e preto xa de Redondela). A través do percorrido que propoñemos, só imos visitar 11 delas: as que se atopan entre a Asociación Veciñal e Cultural de Candeán e o parque forestal do Vixador.