Comunicado curso escolar 2023-2024
Prezado/a Director/a:
Pola presente comunicámoslle que, co comezo do novo curso escolar 2023-2024, xa está novamente dispoñible a partir do día 19 de setembro a posibilidade de solicitar o transporte dos desprazamentos escolares gratuítos no marco do programa educativo municipal “VIGO EDUCA”
Mediante o programa “VIGO EDUCA”, a actual empresa adxudicataria “AUTOS ESTÉVEZ AVIÓN, S.L.”, que garante o cumprimento do protocolo de prevención fronte á Covid-19 no transporte de escolares, presta en xornada lectiva matinal os desprazamentos gratuítos a itinerarios e/ou visitas didácticas locais de alumnado de idade comprendida entre os 3-18 anos (educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos e educación especial) dos centros educativos do Concello de Vigo sostidos con fondos públicos.
No marco deste programa de utilización didáctica da cidade e determinado polo servizo municipal de educación, a cada centro de ensino atendendo primordialmente a criterios de proporcionalidade segundo a matrícula oficial e a cuestións internas de índole organizativa, lle foi asignado un crédito inicial dun número determinado de desprazamentos en autobuses de 55 prazas máximas prefixadas e que reúnen as condicións estipuladas pola lexislación vixente para o transporte escolar, que os centros de ensino solicitantes poderán ir consumindo e desenvolvendo ao longo do curso lectivo escolar 2023-2024.
Con esta finalidade, achegámoslle todas aquelas cuestións referentes ao sistema de solicitude dos autobuses para as distintas visitas didácticas á cidade de Vigo, cuxa xestión e programación previa corresponde a cada un dos centros de ensino da nosa cidade. Lembrámoslle que é importante, para a correcta xestión do calendario de desprazamentos escolares do programa, seguir as indicacións que figuran neste mesmo portal web.
Agradecendo de antemán a colaboración e implicación activa de todos os sectores da comunidade educativa, para acadar contornas escolares saudables e seguras, e agardando que este programa municipal resulte de interese e utilidade para a comunidade educativa, reciba un cordial saúdo.